Wednesday 15 de May de 2024

A directora de Turismo de Galicia reúnese cos principais representantes do sector turístico de Paraguai


Nava Castro mantivo nestes días diversos encontros de traballo en Paraguai onde se encontra de viaxe institucional desde o pasado mércores

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, mantivo nestes días diversos encontros de traballo na capital colombiana de Paraguai, Asunción, e na cidade de Ciudad del Este continuando así, a súa viaxe institucional.

Ademais da reunión que a directora de Turismo de Galicia tivo co embaixador de España no país, Diego Bermejo, Nava Castro mantivo diversos encontros institucionais e comerciais. Entre eles podemos destacar a reunión mantida con Armando Nasser, empresario e cónsul de Italia en Ciudad del Este; con Chariff Hamound, cónsul de Eslovaquia en Ciudad del Este e propietario do Shopping Monalisa; con Rafael Plañiol, propietario do Shopping Jesuitas Plaza; e Isidro Ibarra, presidente da Cámara Oficial Española de Comercio, Industria e Servizos de Paraguai.

Durante estes encontros, Nava Castro falou dos principais reclamos turísticos de Galicia resaltando as potencialidades da comunidade á hora de ofrecer produtos desestacionalizadores, que permiten o desfrute da experiencia turística en calquera época do ano e que teñen gran capacidade de diferenciación. De igual modo, a directora de Turismo de Galicia explicou que a comunidade galega está incrementando os seus niveis de competitividade turística a través de ferramentas como a formación do sector, a calidade dos destinos e servizos turísticos, a xestión eficaz dos recursos e a diferenciación no mercado global.

Por outra parte, a responsable de Turismo da Xunta reuniuse en Ciudad del Este con Elva Figueredo, da axencia de viaxes especializada e dedicada á venda de servizos turísticos receptivos Lleva Viajes & Turismo, e con empresarios do sector. Durante estes encontros, Nava Castro trasladoulles as posibilidades que Galicia ofrece como destino, entre as que se atopan o Camiño de Santiago, os próximos eventos que acollerá a comunidade galega, así como as súas infraestruturas hoteleiras, a gastronomía, o termalismo e a oferta cultural. Nava Castro tamén realizou nesta cidade outra presentación do Camiño de Santiago aos principais turoperadores turísticos de Galicia.

Viaxe de familiarización
Os turoperadores paraguaios asistentes á presentación mostraron grande interese por Galicia como destino e polo Camiño de Santiago como produto turístico en concreto. Neste senso, os representantes dos turoperadores máis importantes do país trasladáronlle á directora de Turismo de Galicia a súa intención de organizar unha misión comercial a Galicia xunto coa ministra de Turismo de Paraguai no mes de maio para coñecer de primeira man os seus numerosos recursos turísticos.

Consolidación da relación con Paraguai
Con esta viaxe, Turismo de Galicia mantén a súa aposta pola difusión da oferta turística galega nos mercados emerxentes máis interesantes do panorama internacional consolidando a súa relación con Paraguai.

A viaxe ten lugar no marco do convenio de colaboración asinado por ambas rexións o pasado ano no marco de FITUR co obxectivo de poñer en marcha iniciativas conxuntas de promoción turística que permitan o achegamento das rutas turísticas Jesuítica de Paraguai e o Camiño de Santiago.